Calendario de Crucero

ESTATUTOS DEL REAL CLUB NÁUTICO PORTOSÍN

Asamblea Xeral Extraordinaria de 13 de decembro de 2014


CAPÍTULO I

NORMAS XERAIS

Artigo 1

O Real Club Náutico Portosín é unha asociación privada sen ánimo de lucro, dotada de personalidade xurídica e capacidade de obrar, que ten como obxecto primordial o fomento e o impulso da práctica continuada de diferentes modalidades deportivas, así como a participación en actividades e competicións deportivas calquera que sexa o seu nivel e destinatario, para o cal solicitará a ratificación destes Estatutos e a súa inscripción no Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, de conformidade coa vixente Lei do Deporte de Galicia

Artigo 2

  1. O Real Club Náutico Portosín practicará como principal modalidade deportiva a de navegación a vela
  2. O Real Club Náutico Portosín practicará así mesmo as modalidades deportivas de motonáutica, tablas a vela, remo, pesca deportiva e deportes en xeral que teñan relación co mar, e para tal fin funcionarán as seccións deportivas correspondentes, sen prexuízo de que a Asemblea Xeral poida acordar a creación doutras.

Artigo 3

  1. O domicilio social do Real Club Náutico Portosín fíxase no Porto Deportivo s/n da localidade de Portosín, no termo municipal de Porto do Son e provincia de A Coruña.
  2. O Presidente da asociación, cando as circunstancias o aconsellen e coa aprobación da Xunta Directiva, poderá acordar o cambio de domicilio social dentro da mesma localidade. Para o traslado do domicilio a outra localidade, que deberá ser sempre dentro do territorio da Comunidade Autónoma de Galicia, será necesario o acordo maioritario da Asemblea Xeral Extraordinaria.
  3. En ámbolos dous casos, o traslado de domicilio social non implicará modificación estatutaria, e terá de ser notificado ós socios, e ó Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia.

CAPÍTULO II

CLASES DE SOCIOS, ADMISIÓN, DEREITOS E OBRIGAS

Artigo 4

  1. O número de socios será ilimitado. Nembargantes, a Asemblea Xeral, a solicitude da Xunta Directiva, poderá suspender a admisión de novos socios cando así o esixan razóns de aforo ou capacidade física das instalacións.
  2. Os socios poderán ser das seguintes clases: de número, honorarios e familiares.

Artigo 5

  1. Son socios de número tódalas persoas físicas maiores de idade, que satisfagan a cota social establecida pola Asemblea Xeral. O cónxuxe ou parexa de feito do socio de número poderá desfrutar das instalacións e dependencias do club con pleno dereito, pero sen voz nin voto nas asembleas en tanto que non teñan a condición de socio de número, que poderán acadar sen aboar cota de entrada con só solicitalo por escrito nas oficinas do club. O socio de número poderá sustituir o nome do seu cónxuxe ou parella de feito acreditando documentalmente o divorcio, separación legal ou disolución da parella. O socio de número que por calquera circunstancia cause baixa no club non poderá recuperar tal condición sen previo pago da cota de entrada, a salvo do disposto no artigo 8.2 destes estatutos.
  2. Serán socios honorarios aquelas persoas ás que a Asemblea Xeral confira esta distinción e terán un posto de presenza nos actos oficiais da sociedade.
  3. Son socios familiares os fillos de socios de número menores de dezaoito anos que dependan económicamente daqueles e convivan no seu mesmo domicilio. Terán dereito ó uso das instalacións sociais e dependencias do club nas mesmas condicións que os seus proxenitores. Os socios familiares acadarán automáticamente a condición de socio de número ó chegar á maioría de idade, mais aboarán só a metade da cota social dende aquela ata o día en que cumpran os trinta anos.

Artigo 6

  1. Os socios de número terán os seguintes dereitos:
    • Contribuir ó cumprimento dos fins específicos da asociación.
    • Esixir que a asociación se axuste ó disposto na normativa autonómica deportiva e ó establecido nos presentes estatutos
    • Separarse libremente da asociación.
    • Coñece-las actividades da asociación e examina-la súa documentación, previa petición razoada ó Presidente.
    • Expor libremente as súas opinións no seo da asociación
    • Ser elector e elixible para os órganos de representación e goberno da asociación, sempre que teñan plena capacidade de obrar
  2. Son obrigas dos socios de número:
    • Aboa-las cotas sociais
    • Contribuir ó sostemento e difusión do deporte ou modalidades deportivas
    • Acatar cantas disposicións dicte a Asemblea Xeral, o Presidente ou a Xunta Directiva para o bo goberno da sociedade.

Artigo 7

Para ser admitido como socio de número será necesario asina-la solicitude por escrito dirixida ó Presidente e satisface-la cota de ingreso correspondente

Artigo 8

A condición de socio pérdese:

  1. Por vontade propia.
  2. Por falta de pago das cotas sociais durante tres meses consecutivos ou catro alternos, previo requirimento de pago, e consecuente resolución do Presidente. Neste único caso o socio poderá recuperar a súa condición aboando tódalas cotas pendentes ata a súa baixa pero sen necesidade de aboar a cuota de ingreso.
  3. Por decisión da Xunta Directiva fundada na desatención contumaz das obrigas de socio, previa audiencia do interesado e da súa ratificación na primeira Asemblea Xeral que se celebre.
  4. Por calquera outra causa establecida na lexislación vixente.

CAPÍTULO III

ÓRGANOS DE REPRESENTACIÓN E GOBERNO

Artigo 9

Son órganos de representación e goberno do Club, a Asemblea Xeral, a Xunta Directiva e o Presidente.

Artigo 10

  1. A Asemblea Xeral é o órgano supremo do goberno do Club e estará integrado por tódolos seus socios de número.
  2. As Asembleas Xerais, tanto Ordinarias como Extraordinarias, quedarán validamente constituidas en primeira convocatoria cando concurran a ela, presentes ou representados, a maioría dos seus asociados. En segunda e última convocatoria, media hora máis tarde, quedará constituida calquera que sexa o número de membros asistentes. Entre a data de convocatoria e o día sinalado para a súa celebración terán que mediar, como mínimo, quince días naturais.
  3. A Asemblea Xeral convocarase polo Presidente a iniciativa propia ou por petición do dez por cento, alomenos, dos socios de número.
  4. A Asemblea Xeral reunirase con carácter ordinario, previa convocatoria do Presidente, ó menos unha vez ó ano para tratar das seguintes cuestións:
    • Memoria económica, liquidación do presuposto anual, balance do exercicio, rendición de contas pola Xunta Directiva e aprobación se procede.
    • Presuposto para o seguinte exercicio.
    • Proxecto e propostas do Presidente ou da Xunta Directiva.
    • Proposicións que formulen os socios, que terán de ir asinadas, polo menos, polo dez por cento dos mesmos.
  5. Terá de se celebrar Asemblea Xeral Extraordinaria para a modificación dos Estatutos, toma de cartos a préstamo, emisión de títulos representativos de débeda ou de parte alícuota patrimonial, enaxenación ou gravame de bens inmobles, disolver a sociedade e calquera outro acordo que se estime oportuno polo Presidente ou proceda legalmente.
  6. Os acordos da Asemblea Xeral adoptaranse por maioría simple dos asistentes, requeríndose unha maioría cualificada e un quorum determinado de asistencia para aqueles asuntos que así o establezan as leis ou os propios estatutos. Serán vinculantes e de obrigado acatamento e terán forza executiva a partir da data da súa adopción, e poderán ser impugnados en todo caso perante dos tribunais de xustiza ordinarios sen prexuizo, por razón de materia, da posibilidade da súa impugnación perante os órganos competentes e da Federación Galega Deportiva da modalidade ou perante o Comité Galego de Xustiza Deportiva.
  7. As convocatorias das Asembleas, sexan Ordinarias ou Extraordinarias, comunicaranse por escrito ós socios no seu correo electrónico ou por correo ordinario remitidos ó buzón electrónico ou domicilio que consten nas oficinas do club, e en todo caso por anuncio no local social e mais na páxina web da asociación.

Artigo 11

  1. A Xunta Directiva estará formada polo menos por un Presidente, un Secretario, un Tesoureiro, un Comodoro e un mínimo de dous vogais e máximo de seis. Tamén poderá haber un Vicepresidente nomeado nas mesmas condicións que o resto da Xunta Directiva. A súa función é o goberno e representación do club exercendo tódalas funcións e competencias que non estean expresamente atribuidas á Asamblea Xeral, e mais aquelas que lle sexan cedidas ou conferidas expresamente por ésta.
  2. En especial corresponde á Xunta Directiva:
    • Dirixir a xestión do Club, velando polo cumprimento do seu obxecto social.
    • Formular o inventario, memoria e presuposto anual, que se someterá a aprobación da Asemblea.
    • Aplicar tódalas medidas deportivas, económicas e administrativas precisas para o fomento e desenvolvemento do deporte dentro do Club.
  3. Os membros da Xunta Directiva cesarán por:
    • Transcorre-lo prazo polo que foron elixidos.
    • Dimisión.
    • Falecemento ou incapacidade física ou psíquica para continuar no exercicio do seu cargo.
    • Aprobación dunha moción de censura pola Asemblea Xeral.
    • Inhabilitación por resolución xudicial firme ou sanción deportiva.
  4. A Xunta Directiva quedará validamente constituida en primeira convocatoria cando concurran a ela a maioría dos seus membros. En segunda convocatoria será suficiente a concurrencia, polo menos, de tres dos seus membros e, en todo caso, do Presidente. Quedará tamén validamente constituida, cando estean presentes tódolos seus membros, aínda que non houbera mediado convocatoria previa.
  5. Os acordos da Xunta Rectora adoptaranse por maioría simple dos asistentes; terán forza executiva a partir da data da súa adopción, e poderán ser impugnados en todo caso perante dos tribunais de xustiza ordinarios, sen prexuízo, por razón de materia, da posibilidade da súa impugnación perante os órganos competentes da Federación Galega da modalidade deportiva correspondente ou perante o Comité Galego de Xustiza Deportiva.
  6. A Xunta Directiva será elixida mediante sufraxio libre, directo e secreto dos socios de número cada catro anos.
  7. Os cargos da Xunta Directiva son gratuitos.

Artigo 12

O Presidente é o órgano executivo do Club, ostenta a súa representación legal, convoca e preside os órganos de representación e goberno e executa os acordos destes.

Artigo 13

O Secretario coidará do arquivo da documentación, redactará cantos documentos afecten á marcha administrativa da Asociación e levará o Libro de Rexistro de Socios e o Libro de Actas.

Artigo 14

O Tesoureiro será o depositario da Asociación, asinará os recibos, autorizará os pagos, levará os Libros de Contabilidade e formalizará o balance de situación e as contas de ingresos e gastos

Artigo 15

O Comodoro atenderá expresamente a organización náutica do club e as competicións deportivas en que participe, así como o coidado de todo o material náutico propiedade do club.

Artigo 16

Os vocais colaborarán no desenrolo das actividades que lle confira a Xunta Directiva


CAPÍTULO IV

RÉXIME DOCUMENTAL

Artigo 17

O réxime documental do Club constará dos seguintes libros: Rexistro de Socios, de Actas, e Contables.

Artigo 18

No Libro de Rexistro de Socios, terán de consta-los nomes e apelidos dos socios de número, o seu Documento Nacional de Identidade e domicilio. Tamén se deberán de especifica-las datas de altas e baixas, e as de toma de posesión e cese nos cargos para os que foran nomeados.

Artigo 19

No Libro de Actas, consignaranse as reunións que celebre a Asemblea Xeral e a Xunta Directiva, con expresión da data, asistentes, asuntos tratados e acordos adoptados. As actas terán de estar asinadas, en todo caso, polo Presidente e o Secretario.

Artigo 20

Nos Libros de Contabilidade figurarán tanto os elementos patrimoniais do club como os dereitos e obrigacións de contido económico, así como os ingresos e gastos do Club, debéndose precisa-la procedencia daqueles e a inversión ou destino deles.

RÉXIME DISCIPLINARIO

Artigo 21

Os órganos e socios do Club estarán sometidos ó regulamento disciplinario do Club e ó disposto no Título VII da Lei 3/2012, do Deporte de Galicia, e á súa normativa de desenvolvemento.

Artigo 22

O socio que infrinxira o previsto nestes estatutos ou desobedecera as disposicións emanadas da Asamblea Xeral ou da Xunta Directiva quedará suxeito, segundo da gravidade ou reiteración do caso, ás seguintes correccións:

  • Amonestación escrita da Xunta Directiva.
  • Suspensión dos dereitos derivados da condición de socio por un mínimo de quince días e máximo de seis meses, con obriga de manter durante ese tempo o pago das cuotas sociais.
  • Pérdida da condición de socio, con prohibición de reingreso temporal ou indefinida.

Artigo 23

O Presidente e demáis membros da Xunta Directiva responderán fronte ós socios, o club ou terceiras persoas dos prexuízos que lles ocasionaren por culpa ou neglixencia grave, de conformidade coa regulamentación propia do club e o ordenamento xurídico vixente.


CAPÍTULO V

RÉXIME ECONÓMICO-FINANCIERO E PATRIMONIAL

Artigo 24

  1. No momento da creación do Club deportivo, o patrimonio fundacional foi o constituido polas aportacións dos socios fundadores e a día de hoxe dispón dun edificio sito no Porto Deportivo de Portosín construido con patrimonio propio sobre terreos concesión de Portos de Galicia.
  2. No futuro o patrimonio do Club estará integrado por:
    • As aportacións económicas dos socios, que aprobe a Asemblea Xeral.
    • As doazóns e subvencións que reciba.
    • Os resultados económicos que pode producir as manifestacións físico-deportivas que organice a entidade.
    • As rendas, froitos e intereses do seu patrimonio.
    Queda expresamente excluído como fin do Club o ánimo de lucro e a totalidade dos seus ingresos e beneficios aplicaranse ó cumprimento dos seus fins sociais.

Artigo 25

O Club poderá gravar e allear e gravar bens, mobles e inmobles, tomar diñeiro a préstamo e emitir títulos transmisibles representativos de débeda ou parte alícuota patrimonial, sempre que cumpra os seguintes requisitos:

  1. Que se autoricen tales operacións por maioría de dous tercios dos socios presentes ou representados na Asemblea Xeral Extraorinaria convocada a tal fin.
  2. Que ditos actos non comprometan de modo irreversible o patrimonio da Entidade ou a actividade físico-deportiva que constitúa o seu obxecto social. Para a adecuada xustificación deste extremo poderase esixir, sempre que o solicite como mínimo o cinco por cento dos socios de número, o oportuno dictame económico-actuarial.
  3. Cando se trate de gravar ou allear bens, mobles e inmobles, que foran financiados en todo ou parte, con Fondos Públicos da Comunidade Autónoma será preceptiva a autorización previa do órgano competente da Xunta de Galicia.

Artigo 26

O Club poderá emitir títulos de débeda ou de parte alícuota patrimonial, que serán nominativos.
Os títulos inscribiranse nun libro que levará ó efecto do Club, non que se anotarán as sucesivas transferencias.
En tódolos títulos constará o valor nominal, a data de emisión, e, no seu caso, o interese e prazo de amortización.

Artigo 27

Os títulos de débeda só poderán ser susbscritos polos asociados, e a súa posesión non conferirá dereito algún especial ós socios, agás a percepción dos intereses establecidos conforme a lexislación vixente.

Artigo 28

Os títulos de parte alícuota patrimonial han de ser asemade, susbscritos polos asociados. En ningún caso estes títulos darán dereito á percepción de dividendos ou beneficios.

Artigo 29

Os títulos de débeda e parte alícuota patrimonial serán transferidos únicamente entre os que teñan a condición de socios.


CAPÍTULO VI

REFORMA DOS ESTATUTOS E DISOLUCIÓN DO CLUB

Artigo 30

Os presentes Estatutos só se poderán modificar, reformar ou derogar, por acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria convocada a tal efecto, mediante votación favorable dos dous tercios dos socios de número asistentes.
A reforma destes estatutos seguirá, con respecto ó Rexistro de Entidades Deportivas de Galicia, os mesmos trámites administrativos que para a súa inscrición.

Artigo 31

O Club extinguirase ou disolverase:

  1. Por acordo de dous tercios dos socios en Asemblea Xeral Extraordinaria, convocada ó efecto.
  2. Por resolución xudicial firme.
  3. Por outras causas legalmente determinadas.

En todo caso o acordo haberá de ser notificado ó Rexistro de Entidades Deportivas.

Artigo 32

Disolvido o Club, o remanente do seu patrimonio social, se o houbera, aplicarase a fins análogos de carácter deportivo ben por acordo previo da Asemblea Xeral ou subsidiariamente polo órgano competente en materia de deporte da Xunta de Galicia.


ANEXO

REGULAMENTO DO PROCESO ELECTORAL PARA A ELECCIÓN DA XUNTA DIRECTIVA DO REAL CLUB NÁUTICO PORTOSÍN.

  1. Disposicións xerais
    Este Regulamento ten por obxecto ordenar o proceso electoral do Real Club Náutico Portosín para a elección da súa Xunta Directiva.
    A Xunta Rectora saínte convocará eleccións para a renovación da mesma vinte días naturais antes da extinción do seu mandato ou nos dez días seguintes a que prospere e seguirá nas súas funcións ata o día seguinte as eleccións, podendo realizar todos os actos dunha administración e xestión ordinarias.
    No caso de que houbera unha única candidatura á Xunta Directiva, será proclamada vencedora automáticamente sen necesidade de votación.
  2. Calendario electoral
    Día 1º: Coa publicación do anuncio de convocatoria de eleccións expoñerase, durante tres días naturais, o censo electoral no taboleiro de anuncios das oficinas do club. Nese prazo, poderanse efectuar as oportunas reclamacións ó censo, que deberán ser resoltas pola Xunta Electoral ó día siguiente de concluido o prazo de exposición pública.
    Día 6º: Ábrese prazo de tres días naturais para a presentación de candidaturas.
    Día 8º: Ás 19 horas, peche de prazo para presentación de candidaturas.
    Día 9º: Publicación de candidaturas presentadas. Ábrese prazo de tres días naturais para impugnación de candidaturas.
    Día 11º: Ás 19 horas pecharase o prazo de impugnación de candidaturas.
    Día 12º: Proclamación de candidaturas pola Xunta Electoral. Ábrese prazo de voto por correo.
    Día 19º: Ás 19 horas pecharase o prazo de admisión de votos por correo.
    Día 20º: Xornada de votación: A Xunta Electoral procederá a abrir a xornada de votación presencial, que terá lugar dende as 10 ata as 20 horas na sede do Real Club Náutico Portosín en furna disposta a tal fin. Reconto de votos presenciais recibidos por correo e proclamación provisional pola Xunta Electoral dos candidatos electos. Ábrese prazo de tres días naturais para impugnar o resultado da votación.
    Día 24º. Resolución de reclamacións pola Xunta Electoral. Proclamación da nova Xunta Directiva.
  3. Censo Electoral
    O Censo electoral comprende a relación nominal e individualizada dos socios de número que reúnen as condicións de elector e elixible á data de convocatoria das eleccións, para o cal deberían estar ó corrente de pago das cotas sociais. As condicións de elector e elixible non son delegables.
  4. Xunta Electoral
    1. A Xunta Electoral corresponderalle dirixir e controlar o proceso electoral e resolver todas as cuestión que xurdan ó logo do mesmo. Estará constituida por tres socios mais un suplente, elixidos na última Asamblea Xeral Ordinaria anterior as eleccións e non poderán figurar como candidatos á Xunta Directiva. O de máis idade fará a función de Presidente.
    2. A Xunta Electoral adoptará as súas resolucións por maioría.
    3. A Xunta Electoral constituirase o día de convocatoria das eleccións e disolverase á conclusión do proceso electoral.
  5. Candidaturas
    As candidaturas haberán de se presentar por escrito co mínimo de membros previsto no artigo 11, apartado 1 destes estatutos, facendo constar o nome, apelidos e cargo ó que optan, xunto cunha copia do seu DNI. A Xunta Electoral rexeitará de plano as que non acaden estes requisitos.
  6. Voto por correo
    1. Admítese o voto por correo para a elección da Xunta Directiva.
    2. No voto por correo garantirase a personalidade do votante co sistema de dobre sobre: O sobre A irá dirixido á Mesa Electoral. Nel deben figurar o nome, apelidos e domicilio do socio xunto con copia compulsada do seu DNI en vigor. Dentro irá o sobre B, pechado e ca reseña: Voto para Xunta Directiva do Real Club Náutico Portosín.
    3. No caso de que algún socio que emitira seu voto por correo decidira facelo en forma presencial, anularase aquel a favor do voto presencial. Se se emitiran dous votos por correo, anularanse ámbolos dous.
  7. Xornada de votación
    1. Na xornada de votación, a mesa estará composta pola Xunta Electoral. Poderán formar parte dela un interventor por cada unha das candidaturas presentadas.
    2. O voto depositarase en sobre pechado na furna instalada a tal fin. Os votos tachados ou enmendados serán declarados nulos.
    3. Chegada a hora de rematar a votación, o Presidente da Xunta Electoral preguntará si algún dos presentes non votou aínda, e admitirá o voto daqueles que non o tiveran feito e estean no local de votación, non permitindo acceder a ninguén máis. Seguidamente votarán os membros da mesa e procederase a contabilizar os votos recibidos por correo. No escrutinio computaranse os votos válidos, nulos e en branco.
    4. Levantarase acta do resultado da votación, que irá asinada polos membros da xunta electoral.

Disposición Adicional

O Real Club Náutico Portosín foi fundado no ano 1977 polos seguintes Socios Fundadores:

APELIDOS, NOME
LÓPEZ OVIEDO, JUAN RAMÓN
GIL IGLESIAS, JOSÉ RAMÓN
HIDALGO IGLESIAS, TEODOMIRO
ROIG RECHOU, ALEJANDRO
PARDAL SOUSA, RAMÓN
LENS VILANOVA, JUAN JOSÉ
ÁLVAREZ OTERO, JOSÉ MANUEL
FERNÁNDEZ HEMOSO, JOAQUÍN
PÉREZ PÉREZ, JOSÉ MANUEL
CES CANLE, JOSÉ MANUEL
GONZÁLEZ CAPEÁNS, JOSÉ
GONZÁLEZ MENÉNDEZ, EDUARDO
ARAN TRILLO, JOSÉ ANTONIO
NEGREIRA GARCÍA, FRANCISCO
PETISCO ABEIJÓN, RAMÓN A.
VÁZQUEZ MATO, JUAN
VÁZQUEZ FERNÁNDEZ, CESÁREO
GONZÁLEZ FRAGA, JOSÉ LUIS
VADILLO GIL, ENRIQUE
LÓPEZ PÉREZ, JUAN JOSÉ
BLANCO DEL RIO, ANDRÉS
ESCRIBANO SERRANO, ANTONIO
GARCÍA GARCÍA, JOSÉ MARÍA
PIÑEIRO PRIEGUE, JOSÉ
CALZADILLA MARTIN, GONZALO
LORENZO FRAIZ, ÁNGEL
PETISCO ABEIJÓN, ALEJANDRO
PENALTA CORRAL, ALFREDO
GARCÍA ALONSO, LEOPOLDO
FREIRE PICALLOS, JOSÉ
OTERO TÚÑEZ, JOSÉ
MOREIRA SANCHEZ, JOSE LUIS
DOMINGUEZ CABADA, JOSE ANGEL
PEREZ CUESTA, GUMERSINDO
GARCIA BALIÑAS, SANTIAGO
GONZALEZ SALGADO, LUIS
DOPICO GUTIÉRREZ DEL AR., JUAN ANTONIO
CALVO SENDON, ANTONIO
VARELA UÑA, MANUEL
ENTRECANALES DE VARELA, CRUZ
LUGILDE GONZÁLEZ, ANTONIO
JUANATEY LÓPEZ, JESÚS
AGRASAR CRUCES, ALBERTO
AGRASAR CRUCES, FERNANDO
FONTANO COLLADO, ENRIQUE
CIERTO COSTA, FRANCISCO
BLANCO RODRÍGUEZ, JUAN MANUEL
CEINOS REY, FRANCISCO JOSÉ
PÉREZ QUEIRO, SEGUNDO
AGRASO SOUTO, RAMÓN
PESTONIT BRENLLA, JOSE

Disposición Final

Estes estatutos foron redactados con suxeción á Lei 3/2012 de 2 de abril, do Deporte de Galicia e aprobados por Asamblea Xeral Extraordinaria do Real Club Náutico Portosín celebrada o 13 de decembro de 2014 convocada a tal fin.

Portosín, a 14 de decembro de 2014.

Login K2

Datos de contacto

Real Club Náutico Portosin
Puerto Deportivo S/N
15999 - Portosín - A coruña
Oficina: 981 766 583 / 625 445 083
Puerto: 981 766 598 / 618 609 061
Restaurante: 981 766 050
GPS: 42º 45' 48'' N, 08º 56' 40'' W

Email:

Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.
Esta dirección de correo electrónico está siendo protegida contra los robots de spam. Necesita tener JavaScript habilitado para poder verlo.

Utilizamos cookies propias y de terceros para realizar el análisis de la navegación de los usuarios y mejorar nuestros servicios. Si continúa navegando, consideramos que acepta su uso. Puede obtener más información, o bien conocer cómo cambiar la configuración, pulsando en Más Información. [Más información Política de Cookies].